viernes, 5 de diciembre de 2008

Urxe un plan específico de Educación no rural en Galicia


REPENSAR A EDUCACIÓN. REINVIDICAR O RURAL
Mesa de Educación no Rural



Unha forma de ser, unha maneira de falar, un xeito de ocupar o territorio. Pero o rural galego esmorece á sombra do urbano: máis do 60% da poboación amoréase nas beiras da AP-9. A agricultura, como cultura da terra, é desprezada e desprazada. Son unha forma de vida e uns saberes que semellan non interesar a ninguén, pero que si se perden, serán irrecuperables. Que se pode facer para evitar esa perda, para variar un rumbo fondamente equivocado? Cando saímos de Galicia e observamos a configuración territorial e mesmo da poboación doutras zonas do Estado, dámonos conta do que implica vivir e traballar nunha terra eminentemente rural, mar de illamento e dispersión.
Este é o noso contexto demográfico: 36000 núcleos de poboación (máis da metade de todo o Estado Español). Deles 216 están completamente abandonados, 8194 teñen menos de 10 habitantes. É dicir: o 23% das entidades da poboación están biolóxicamente mortas.
Sería moi longo analizar neste manifesto as causas que deron lugar a esta situación. O que si podemos reflexionar é o que estamos a facer desde todos os sectores implicados para que esta situación, cada vez máis alarmante, poida ser revertida.
Cando se comparten estes datos con persoas doutras Comunidades do Estado e o que é máis triste, cando se procede a establecer comparacións, non podemos máis que sentir unha certa desesperanza. Pero unha vontade indestructible lévanos a loitar por unha Galicia rural viva, con nenas e nenos que medran, comen, xogan… e unha poboación adulta que traballa e fai avanzar a nosa terra.
QUE HAI DE DIFERENTE NAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS ONDE SE ESTÁ A INVERTIR A SITUACIÓN DE PERDA DE POBOACIÓN NO RURAL?
• Un respecto absoluto pola educación dos nenos e das nenas.
• A consideración da escola e dos servizos educativos como espazos dinamizadores das comunidades locais, desde o nacemento á vida adulta.
• A estructuración da educación de acordo cun mapa escolar que determina zonas educativas rurais e/ou coordina o funcionamento das
escolas próximas entre si. Trátase de compartir e optimizar recursos: itinerancias, proxectos educativos, persoal de apoio que permite cubrir imprevistos, permisos e enfermidades, administrativas e administrativos que axudan na xestión…
• Un concepto máis amplo que o de escola unitaria. Escola rural é a escola pequena, pública, e sobre todo de pobo, que acolle a nenas e nenos desde 2 anos ata 12, aínda que non sempre haxa alumnado de todos os niveis.
• Dotación de servizos de transporte e comedor sempre que sexa necesario.
• Un regulamento específico. Os destinos a este tipo de escolas non son obrigados. Á escola rural vai quen quere. Deste xeito sempre hai unha mestra o un mestre interesado en que cada escola sobreviva en beneficio da educación das nenas e nenos de cada localidade rural.
• A formación dos docentes contempla no seu deseño a especificidade de traballar na escola rural. Administracións e universidades están implicadas na atención educativa ao medio rural a través de estructuras que analizan, pensan, deseñan e devolven novas prácticas metodolóxicas para a escola rural.
• A decisión de pechar unha escola rural é a última medida a tomar.
QUE SE DEBE MELLORAR?
Nos dez últimos anos suprimíronse un 67% das escolas unitarias da nosa Comunidade. Péchanse as escolas e péchanse as aldeas. Este progresivo peche das escolas “non se debe a unha intencionalidade política”. Desde a Consellería dise que “responde unicamente á evolución da poboación”, que “non hai interese en pechar escolas”.
Algunha vez tentamos darlle a volta ao argumento?
►E se mantivésemos os servizos coas características que ofrecen outras Comunidades?
►E se nos marcásemos como obxectivo para o vindeiro curso manter todas as escolas unitarias fomentando agrupamentos funcionais por proximidade, dotándoas de recursos suficientes e infraestructuras?
Non se invertería a situación?
Se cadra non o saberemos nunca porque as medidas da administración non van por aí.
As últimas palabras son unha reivindicación para reclamar un cambio urxente de actitude con respecto a Educación no medio rural desde a Administración Educativa. Hai que recuperar as escolas rurais. Hai que facelas non só visibles, senón tamén facer de elas o corazón social e educativo das nosas aldeas. E para iso é imprescindible manter e potenciar os servizos educativos que funcionan neste momento.
Para vertebrar Galicia.
Para que o rural siga vivo.
“Os pobos que avanzan son os pobos que coidan e protexen a infancia”.
Este podería ser un bo lema e o mellor argumento para defender o que desde a Mesa de Educación no Rural levamos reivindicando coas diferentes administracións: un plan específico para a educación no rural a través do cal se prime a consolidación dos servizos educativos como forma máis determinante de dignificar o medio.
Mesa de Educación no Rural.
Formada por:
Sindicatos de ensino: CIG, CCOO, CSI-CSIF, FETE-UXT e STEG.
Asociacións comprometidas coa educación: Nova Escola Galega, Asociación Socio-pedagóxico Galega.
Coordenadora Galega de CRAs.
Preescolar na casa.

No hay comentarios: